Comunicado 4 de outubro 2021


A data da consulta popular estatal monarquía ou república decidirase nunha asemblea o 7 de novembro


A Plataforma Consulta Popular Estatal Monarquía ou República convocou unha asemblea presencial en Madrid o próximo 7 de novembro. Nesta asemblea a plataforma acordará a data de realización da Consulta Estatal. 

 

A Plataforma constituíuse en Madrid en outubro de 2019, co obxectivo de impulsar e organizar a Consulta Estatal. Realizáronse oito asembleas: tres presenciais, dúas en Madrid e unha en Toledo, e cinco telemáticas, a última o pasado 3 de outubro.

 

Nas primeiras asembleas aprobáronse o Chamamento á Consulta, a Guía de Trámites para a Constitución de Mesas de Votación e o Protocolo para a Xornada de Votación. Púxose en funcionamento unha páxina web e as canles de distintas redes sociais. 

 

Así mesmo, constituíronse catro grupos de traballo estatais (Extensión, Organización e Loxística, Comunicación e Asuntos Legais) que son os que articulan as diferentes tarefas para desenvolver. 

 

A data inicial fixada para realizar a Consulta Popular Estatal era o 9 de maio de 2020, data que tivo que ser aprazada pola situación sanitaria de pandemia que impediu ata agora que se puidese formular a realización da consulta nas condicións adecuadas.

 

A asemblea presencial do 7 de novembro decidirá a data definitiva da Consulta Popular Estatal Monarquía ou República, revisará os documentos aprobados en anteriores encontros, ampliará os grupos de traballo estatais e acordará un plan de acción estatal para a difusión e extensión da consulta.

 

Durante este mes a Plataforma dirixirase ao conxunto de organizacións, sindicatos e movementos sociais partidarios de que a cidadanía se poida manifestar libremente e pronunciar sobre a forma de Estado, para invitalas a participar na asemblea presencial de novembro.

 

Tras este duro período de pandemia que afectou en maior ou menor medida a toda a cidadanía, retomamos as tarefas e o camiño cara á Consulta Popular Estatal, que será unha gran xornada de democracia participativa e un acto democrático de libre expresión popular, no que poderemos votar e pronunciarnos sobre a forma de Estado, Monarquía ou República.

 

4 de outubro de 2021