Comunicado
APRÁZASE A CONSULTA ESTATAL MONARQUÍA OU REPÚBLICA
Desde a Plataforma Consulta Popular Estatal Monarquía ou República queremos, en primeiro lugar, reiterar o noso recoñecemento a todas as traballadoras e traballadores dos sistemas públicos de saúde (sanitario e non sanitario), alimentación, transporte, limpeza, coidados e do resto de sectores e servizos esenciais, polo seu especial esforzo e dedicación na actual situación sanitaria e chamamos á cidadanía a continuar coa homenaxe masiva que todos os días se lles está rendendo en forma de aplausos desde balcóns e fiestras.
Hoxe, 4 de abril, conforme ao previsto, realizouse por vía telemática o cuarto encontro estatal da Plataforma Consulta Popular, na que se tratou o aprazamento da data da consulta e se avaliou o cumprimento dos plans de traballo de extensión e organización desta importante iniciativa democrática de participación cidadá e libre expresión.
En relación coa data da consulta, prevista inicialmente para o 9 de maio, acordouse o seu aprazamento. A situación actual coa aplicación das necesarias medidas de contención do virus Covid-19 aprobadas polas autoridades, impiden o desenvolvemento do necesario debate das opcións sobre a forma de Estado, Monarquía ou República, e a propia realización da consulta.
A Plataforma Consulta Estatal decidiu por unanimidade establecer o outono de 2020 como período de referencia da consulta, acordándose que a data concreta se decidirá nun encontro estatal, unha vez que se coñeza de forma máis segura as previsións temporais de superación da actual pandemia.
A plataforma debateu e acordou tamén as distintas liñas de traballo de extensión e organización da consulta que se poden desenvolver na actual situación de confinamento. Aprobáronse, entre outras, as seguintes medidas: impulsar a consulta na totalidade dos territorios do Estado; realizar debates telemáticos Monarquía ou República; aproveitar o próximo período e as súas datas significativas para seguir estendendo a consulta; fortalecer os grupos de traballos estatais, en particular os de Organización e Loxística e o de Asuntos Legais. Aprobouse tamén seguir desenvolvendo as tarefas acordadas, en cumprimento dos obxectivos xerais da consulta aprobados na anterior reunión realizada en Toledo.
Coa expectativa creada pola convocatoria desta consulta democrática, desde a anterior reunión da plataforma sumáronse varias organizacións políticas e sindicais de ámbito estatal, así como novos colectivos sociais e asociacións de distinto tipo, continuando a tendencia de ampliación organizativa e territorial da plataforma e da súa pluralidade.
4 de abril de 2020
Plataforma Consulta Popular Estatal Monarquía ou República