Comunicado 22 de xuño


Comunicado

 

A CONSULTA ESTATAL MONARQUÍA OU REPÚBLICA REALIZARASE NA PRIMAVERA DE 2021

 

Desde a Plataforma Consulta Popular Estatal Monarquía ou República queremos, en primeiro lugar, trasladar o noso apoio e acompañamento fraternal a todas as persoas afectadas, enfermas e falecidas, pola pandemia da Covid-19, aos seus familiares e persoas próximas. Ao mesmo tempo, reiteramos o noso recoñecemento a todas as traballadoras e traballadores do sistema sanitario público e dos demais sectores e servizos esenciais, polo seu especial esforzo e dedicación. 

 

O 20 de xuño, conforme co previsto, realizouse por vía telemática o quinto encontro estatal da Plataforma Consulta Popular, na que se tratou sobre a data da consulta, da próxima asemblea estatal, avaliouse o cumprimento dos plans dos grupos de traballo e acordáronse as accións que se realizarán no próximo período para difundir e estender esta importante iniciativa democrática de participación cidadá e libre expresión.

 

En relación coa data da consulta e tendo en conta a situación sanitaria, acordouse a súa realización na primavera de 2021, tendo como referencia o mes de maio. A situación actual impide o normal desenvolvemento do necesario debate das opcións sobre a forma de Estado, Monarquía ou República e a propia realización da consulta nas condicións axeitadas.

 

A data concreta da Consulta Popular decidirase nun dos encontros estatais que terán lugar despois do verán. Na reunión do pasado sábado, acordouse realizar unha asemblea telemática en setembro e a seguinte presencial, fixándose como referencia o mes de outubro.

 

Entre as accións aprobadas para o próximo período destacan a difusión dun chamamento/manifesto convocando a organizar e participar na consulta; a realización

de debates por canles telemáticas para promover esta xornada de participación popular, instar aos grupos municipais  a que presenten mocións nos concellos apoiando a Consulta Estatal, así como a extensión territorial e sectorial desta iniciativa democrática mediante a constitución de plataformas pro-consulta.

 

Coa expectativa creada pola convocatoria desta consulta democrática, desde a anterior reunión da plataforma, sumáronse varias organizacións políticas así como novos colectivos sociais e asociacións de distinto tipo, continuando a tendencia de ampliación organizativa e territorial da plataforma e da súa pluralidade.

 

22 de xuño de 2020