Comunicado 19 de xaneiro


COMUNICADO

 

APROBADO O PROTOCOLO PARA A CONSULTA POPULAR ESTATAL MONARQUÍA OU REPÚBLICA DO 9 DE MAIO

O pasado 19 de outubro constituíse en Madrid a Plataforma Consulta Popular Estatal Monarquía ou República, co obxectivo de organizar unha consulta democrática non vinculante para que o conxunto da cidadanía se poida pronunciar sobre a forma de Estado.

 

A plataforma é un espazo unitario, amplo e plural, integrada por tres grupos de entidades: organizacións políticas, sindicais e sociais; o movemento republicano organizado no Encontro Estatal pola República e plataformas e colectivos que xa promoveron consultas sectoriais ou territoriais.

 

Onte, 18 de xaneiro, conforme ao previsto, tivo lugar no Círculo da Arte de Toledo a terceira reunión da Plataforma na que se acordaron os obxectivos e tarefas dos catro grupos de traballo estatais constituídos: Extensión sectorial e territorial; Organización e Loxística; Difusión e Comunicación e Asuntos Legais e Regras Xerais.

 

Neste encontro tamén se debateron e aprobaron a “Guía de trámites para a constitución de mesas de votación” e o “Protocolo para a xornada de votación”, no que se regulan as mesas electorais, horario de votación, emisión do voto, escrutinio, centro loxístico, comunicación de resultados, asesoramento legal e incidencias, etc.

 

Respecto á financiación da consulta estatal acordouse que cada territorio se faga cargo dos gastos necesarios: urnas, carteleiras, materiais para as mesas de votación, etc., mediante achegas das organizacións e colectivos membros da plataforma e un micromecenado (crowdfunding) colaborativo.

 

A consulta convocada é unha vía importante de expresión e participación cidadá sobre unha cuestión de máxima importancia en calquera democracia: a forma de Estado. Cuestión sobre a que a cidadanía non puido pronunciarse nin decidir en ningún momento, nin na chamada Transición Democrática nin posteriormente.

 

Coas expectativas creadas pola convocatoria, desde a anterior reunión de novembro sumáronse novos colectivos á iniciativa, constituíndose xa plataformas proConsulta en numerosos territorios. A próxima reunión da Plataforma Estatal será a principios de marzo na cidade de Madrid.

 

19 de xaneiro de 2020

Plataforma Consulta Popular Estatal Monarquía ou República