Comunicado 20 de xuño de 2021


A data da Consulta Popular Estatal Monarquía ou República decidirase nunha asemblea en outubro

 

O 20 de xuño tivo lugar, de forma telemática, a VII Asemblea da Plataforma Consulta Popular Estatal Monarquía ou República, coa participación de representantes das organizacións, colectivos e territorios que a integran.

 

A Plataforma constituíuse en Madrid en outubro de 2019, co obxectivo de impulsar e organizar a Consulta Estatal. Nas primeiras asembleas aprobáronse o chamamento, a guía de trámites para a constitución das mesas de votación e o protocolo para a xornada de votación, e formáronse catro grupos de traballo estatais (Extensión, Organización e Loxística, Comunicación e Asuntos Legais) que son os que articulan as diferentes tarefas para desenvolver.

 

O tema básico da VII Asemblea, conforme co previsto, era valorar a situación tras case un ano e medio de pandemia e tomar decisións respecto á consulta. Neste sentido, tras un debate participativo que contou con numerosas intervencións,  acordouse convocar unha asemblea presencial no próximo mes de outubro para reiniciar o conxunto de actividades e extensión da Consulta Popular Estatal Monarquía ou República e fixar a data definitiva da súa realización.

 

Para ultimar a preparación desta asemblea presencial, en setembro terá lugar unha reunión telemática na que se acordará o día da asemblea e os asuntos para tratar, ademais da data da consulta.

 

A VII Asemblea debateu tamén as accións que se poden desenvolver, nas actuais circunstancias, para difundir o encontro xeral de outubro e para seguir fomentando a Consulta, acordándose

 

– Que todas as organizacións e territorios que conforman a Plataforma impulsen, no marco sanitario actual, a difusión, extensión e organización da consulta polos distintos medios ao seu alcance.

 

– Fortalecer e intensificar as accións dos Grupos de Traballo estatais, establecidas no documento e, en particular, as tarefas dos grupos de Extensión e Comunicación.

 

A Plataforma dirixirase ao conxunto de organizacións, sindicatos e movementos sociais partidarios de que a cidadanía se poida manifestar libremente e decidir sobre a forma de Estado,  para invitalas a participar na asemblea de outubro.

 

Tras este duro período de pandemia que afectou, en maior ou menor medida, a toda a cidadanía, reiniciamos as tarefas e o camiño cara á Consulta Popular Estatal, que será unha gran xornada de democracia participativa e un acto democrático de libre expresión popular, no que poderemos votar e pronunciarnos sobre a forma de Estado, Monarquía ou República.

 

20 de xuño de 2021

 

Plataforma Consulta Popular Estatal Monarquía ou República