Comunicado
A CONSULTA POPULAR ESTATAL MONARQUÍA OU REPÚBLICA PROMÓVEA UNHA PLATAFORMA UNITARIA, AMPLA E PLURAL
O pasado 7 de novembro tivo lugar en Madrid a IX asemblea da Plataforma Consulta Popular Estatal Monarquía ou República. A Plataforma aprobou, entre outros acordos, convocar a Consulta o 14 de maio de 2022.
Ademais de fixar a data definitiva, actualizáronse documentos aprobados en anteriores encontros:
– Chamamento á Consulta
– Obxectivos e tarefas dos grupos de traballo estatais.
– Guía de trámites para a constitución de mesas de votación
– Protocolo para a xornada de votación
Así mesmo, ampliáronse os grupos de traballo estatais da Plataforma: Organización, Extensión, Comunicación e Asuntos Legais; e aprobouse un plan de acción estatal para a difusión da Consulta. De todo isto informouse nun comunicado o mesmo día 7 de novembro.
No obstante, unha axencia de noticias estatal centrou a noticia no apoio á Consulta por parte de dúas organizacións políticas concretas, feito que foi amplamente reproducido por distintos medios de comunicación, limitando a información sobre o conxunto de acordos e tarefas aprobadas para retomar as actividades e extensión da Consulta tras a situación sanitaria que atravesamos.
A Plataforma Consulta Popular Estatal Monarquía ou República é un espazo unitario, aberto, amplo e plural, integrado por organizacións políticas, sindicais e sociais, plataformas que xa promoveron consultas sectoriais (universidades) ou territoriais e por gran parte do movemento republicano, en total 59 entidades. Todas estas organizacións están na Plataforma, participan e deciden en igualdade de condicións.
A Consulta Popular Estatal convocada é unha vía de libre expresión e participación cidadá sobre unha cuestión de máxima importancia en calquera democracia: a forma de Estado. Esta importante iniciativa democrática vaise poder realizar grazas ao traballo e ao entusiasmo de miles de persoas, todas voluntarias, organizadas en colectivos ou non, que de forma unitaria van poñer mesas de votación no conxunto do Estado o 14 de maio de 2022.
12 de novembro de 2022
Plataforma Consulta Popular Estatal Monarquía ou República