Comunicado 7 de novembro de 2021


Comunicado

A CONSULTA POPULAR ESTATAL MONARQUÍA OU REPÚBLICA SERÁ O 14 DE MAIO DE 2022

 

A Plataforma Consulta Popular Estatal Monarquía ou República acordou nunha asemblea presencial realizada esta mañá en Madrid convocar a Consulta Estatal para o
14 de maio de 2022

 

Nas sociedades democráticas os pobos deciden sobre todas as cuestións importantes que lles concirnen, entre elas a forma de Estado e de Goberno. A maioría da poboación actual non tivo oportunidade de votar a Constitución de 1978; pero quen si puido facelo, non tivo a opción de elixir Monarquía ou República, xa que foi furtado do debate na chamada Transición democrática. Nin naquel momento nin posteriormente puidemos decidir.

 

A Plataforma Consulta Popular Estatal Monarquía ou República constituíuse en Madrid en outubro de 2019 co obxectivo de impulsar e organizar a Consulta Estatal. É un espazo unitario, amplo e plural, integrado por organizacións políticas, sindicais e sociais; plataformas que xa promoveron consultas sectoriais (universidades) ou territoriais e por gran parte do movemento republicano.

 

A Plataforma Estatal realizou xa nove asembleas: catro presenciais e cinco telemáticas. Nas primeiras aprobáronse o Chamamento á Consulta, a Guía de Trámites para a Constitución de Mesas de Votación e o Protocolo para a Xornada de Votación. Púxose en funcionamento unha páxina web e os perfís de distintas redes sociais. Así mesmo, constituíronse catro grupos de traballo estatais (Extensión, Organización e Loxística, Comunicación e Asuntos Legais) que son os que articulan as diferentes tarefas que se van desenvolver.

 

A data inicial fixada para realizar a Consulta Popular Estatal era o 9 de maio de 2020, data que tivo que ser aprazada pola situación sanitaria de pandemia que impediu ata agora que se puidese organizar a realización da Consulta nas condicións axeitadas.

 

A asemblea do 7 de novembro, ademais de fixar a data definitiva da Consulta, actualizou os documentos aprobados en anteriores encontros, ampliáronse os grupos de traballo estatais e aprobou un plan de acción estatal para a difusión e extensión da Consulta.

 

Durante este mes, a Plataforma dirixirase ao conxunto de organizacións, sindicatos e movementos sociais partidarios de que a cidadanía se poida manifestar libremente e pronunciarse sobre a forma de Estado, para invitalas a participar na preparación e no desenvolvemento da Consulta.

 

Tras este duro período de pandemia que afectou, en maior ou menor medida, a toda a cidadanía, retomamos as tarefas e o camiño cara á Consulta Popular Estatal, que será unha gran xornada de democracia participativa e un acto democrático de libre expresión popular, no que poderemos votar e pronunciarnos sobre a forma de Estado, Monarquía ou República.

 

7 de novembro de 2021