TEMPO DE ESPERANZA

 

Desde Plataforma Consulta Popular Estatal Monarquía ou República e con motivo das festas de Nadal, un ano máis, queremos achegarnos a aqueles que nos seguides, a aqueles que teñen inquietudes e, en definitiva, a todo o que soña cun mundo distinto, acolledor e xusto.

 

Estas festas serán especiais polo contexto tan infrecuente no que se celebran, debido á actual crise sanitaria e aos tempos difíciles que nos toca vivir. Uns farano dando grazas por estar vivos e outros coa dor que comporta a perda dun ser querido. Polos moitos que se quedaron polo camiño, esas almas que unha vez nos acompañaron e que nos deixaron en completa soidade, a eles dedicámoslles unha especial e sentida mención.

 

Desde un prisma totalmente laico, respectamos todas as crenzas ás que se aferrou a humanidade ao longo dos séculos, para celebrar o solsticio de inverno e dunha forma breve, traémosvos algunhas desas celebracións, pola súa semellanza entre unhas e outras.

 

O solsticio invernal é o acontecemento que vivifica a Natureza coa súa luz e calor, razón pola cal, para todas as culturas antigas, representaba o auténtico nacemento do Sol, e con el, a Natureza comezaba a espertar lentamente do seu letargo invernal e os humanos vían renovadas as súas esperanzas de supervivencia, grazas á fertilidade da terra.

No solsticio de inverno, todos os pobos antigos celebraban o nacemento do astro rei con grandes festas, danzas, rituais e coa recollida de plantas “máxicas” como o acivro, que marcaban o calendario das colleitas.

 

Co desenvolvemento das culturas urbanas, os rituais solsticiais agrarios non desaparecen, senón que se adaptaron. Por iso, as festas pagás máis importantes superaron o ámbito campesiño e convertéronse en cidadás, de forma que a fertilidade que en orixe pedían para o campo e o gando, pasou a comprenderse como prosperidade e riqueza para a cidade.

 

Na antiga Grecia, o culto popular Dionisio, estaba repartido en catro grandes festividades. As dúas primeiras, as Dionisíacas e as Leneas celebrábanse arredor do solsticio invernal.

 

En Roma os Saturnais, dedicados a Saturno (padre dos deuses olímpicos, deus protector da Natureza) celebrábanse con grandes festas e banquetes, abolíanse temporalmente as clases sociais e nos ágapes, os señores servían aos seus escravos. Impoñíase facerse regalos e os ricos convidaban ás súas suculentas mesas aos pobres.

 

Mitra, un dos principais deuses da relixión hindú (obxecto de culto, aparecido uns mil anos antes de Cristo), cargaba cos pecados e expiaba as iniquidades da humanidade. Era o principio mediador entre o ben e o mal. Gardián e protector de todas as criaturas, era unha especie de Mesías que debía volver ao mundo como xuíz dos homes. Nacido de nai virxe no solsticio de inverno, nunha gruta, foi adorado por pastores e magos, foi perseguido, acabou morrendo e resucitou ao terceiro día.

 

Baco, outro deus solar romano, tamén cargaba coas culpas da humanidade. Segundo a tradición, Baco morría despezado no equinoccio de primavera e resucitaba aos tres días.

 

Nos mitos solares de todas as culturas antigas ocupaba un lugar central, a presenza dun deus mozo (Xesucristo na relixión cristiá), que cada ano morre e resucita, encarnando así os ciclos da vida da Natureza.

 

No solsticio invernal, a imaxe do deus exipcio Horus, era sacada do santuario para ser exposta á adoración pública (procesións). Representábaselle como un neno acabado de nacer, recostado nun presebe, con cabelo dourado, cun dedo na boca e o disco solar sobre a súa cabeza.

 

Hai moitos mitos máis, resumimos e citamos algúns, como exemplo da diversidade de credo nas distintas culturas. Réstanos desexarvos un feliz solsticio e moita positividade para o Ano Novo. Recordarvos que temos unha cita nas urnas, na primavera do ano entrante. Enfrontar os contratempos con enerxía e sobre todo loita pola supervivencia, é sinónimo da loita de clases. Porque a esperanza non é unha utopía, é un desexo e estes, con empeño tamén se cumpren.

 

 

C.C.Rosillo



Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará